martes, 20 de agosto de 2013

En solidaridade cas traballadoras e cos traballadores de T-solar

Dende o CEL Ourense (Colectivo Estudantil Libertario) solidarizámonos cas traballadoras e cos traballadores de T-solar na loita que están a librar en contra dos repetidos abusos da patronal.

Esta loita afecta directamente a 170 persoas empregadas de T-Solar. Unha empresa de enerxías renovables nada en 2008, que polos esforzos do seu persoal, conseguiu ser unha das mellores de toda Europa. Esta empresa, tamén dispoñía de axudas estatais anuais que a obrigaban a contratar a estas persoas indefinidamente.

Neste último ano, debido aos numerosos recortes, a empresa soubo que non tería asegurado as axudas públicas. Por este motivo, decidiu facer un ERE (Expediente de Regulación de Emprego) de suspensión, tendo así o seu persoal inoperante e co soldo reducido. Uns meses máis tarde, determina executar un ERE de extinción, despedir a todas as súas persoas traballadoras.

Por todo isto, denunciamos que o beneficio dunha clase dominante apropiada dos medios de produción e da fonte de toda vida, obrigue aos desposuídos destes medios e que só poden vender a súa forza de traballo á dependencia da súa subsistencia. Isto supón a que, pese á cantidade de traballo que vemos necesario todos os días na nosa sociedade, este non se realice se non reporta un beneficio económico a aquel que posúe os medios para que se leve a cabo. Esta situación pon de manifesto o carácter do sistema capitalista apoiado polo Estado, que garante ao empresario explotador o seu beneficio, e que en tempos de crise se afirma a través das reformas laborais que deixan ao obreiro máis desprotexido. No caso de T-solar, o Estado permitiu o exercicio dun ERE de extinción, botar a todas as persoas obreiras á rua, argumentado en base a que non era posible unha maior ganancia este ano ou que tivo perdas no último ano.

Estas obreiras e obreiros, xa levan máis dun mes e medio pechadas e pechados na empresa de T-Solar para reclamar que eles queren seguir traballando na súa fábrica. Tamén levan feito numerosas mobilizacións as que dende aquí apoiamos.

Dende CEL Ourense, a nosa postura é clara e contundente: solidarizámonos e apoiámolos na súa loita, chamamos as organizacións e sindicatos a sumarse porque esta tamén é unha batalla da clase obreira.



Viva a loita da clase obreira!
Arriba quen loita!

Ningún comentario:

Publicar un comentario