sábado, 10 de agosto de 2013

Solidariedade coas e cos 5 de Barcelona!

Dende o Colectivo Estudantil Libertario de Ourense (CEL Ourense) queremos manifestar o noso posicionamento en contra da criminalización do movemento libertario no Estado español.

Rexeitamos a represión por parte do Estado á que están sendo sometidos as e os cinco anarquistas detidas e detidos o 15 de maio de 2013 en Barcelona. Consideramos que, tras ler o auto, non hai probas delictivas concluintes que xustifiquen o encarceramento por pertenza a banda armada e enaltecemento do terrorismo. Condenamos pois, que en data de hoxe, 10 de agosto de 2013, estas persoas presas políticas segan a estar en prisión preventiva por risco de fuga, en réxime de illamento, e a súa dispersión en diferentes cárceres de Ávila e Madrid.

Denunciamos o atentado contra a liberdade de expresión que as forzas de represión estatal levaron a cabo mediante o rexistro no Ateneo Libertario de Sabadell así como a substracción do seu material (pancartas, bandeiras, carteis…). Nisto vemos un claro intento de intimidar e debilitar a difusión de ideas contrarias ao poder hexemónico actual, perseguindo aos diferente grupos e movementos sociais da zona que alí se reunían. Un exemplo disto é o 15 M que, coincidindo co seu 2º aniversario, volvía á acción no seu local de reunión, o Ateneo, pouco despois do seu asalto por parte dos Mossos D’Escuadra.

Dámoslle todo o noso apoio e solidarizámonos con esas e eses cinco camaradas que foron e seguen detidas e detidos inxustamente o 15 de maio sendo acusados de enaltecemento do terrorismo e de pertenza a banda armada debido a uns comentarios nunha rede social. Ante este ataque á liberdade de expresión e intento de criminalización do movemento e a loita social, a nosa postura é de solidariedade e empatía coas persoas detidas.

Chamamos tamén á solidariedade cas detidas e detidos a todas as persoas que, libertarias ou non, participan nas loitas sociais.

Para máis información e para solidarizarse economicamente ou contactar coas presas e cos presos suxerimos a seguinte ligazón: http://freedomforthefive.wordpress.com/

Liberdade presas e presos por loitar!
Arriba quen loita!

Ningún comentario:

Publicar un comentario