martes, 22 de outubro de 2013

Gáñalle o pulso á LOMCE, gáñalle o pulso ao sistema!

O sector educativo no territorio galego, así como no resto do Estado español, está a sufrir os efectos das políticas neoliberais, as cales pretenden privatizar e mercantilizar en maior medida a educación. Isto débese á vontade das clases privilexiadas de obter máis beneficios así como de perfeccionar o labor de adoutrinamento ideolóxico para manter a súa orde social.

A LOMCE é un claro exemplo destas prácticas, xa que, entre outras medidas, pretende privatizar a educación ao dotar de maior flexibilidade ás formas de financiamento da educación privada e concertada ao pasar esta a atender a demanda social e a oferta pública presente.

É dicir, que o Goberno poderá optar por suplir á demanda social no sector privado en vez de facelo no estatal. Isto ten un forte carácter dogmático, xa que beneficia ás persoas propietarias dos centros educativos privados, a maioría deles en mans da Igrexa. A reforma tamén garante o adoutrinamento ao impór a asignatura de Relixión como obrigatoria.

A súa vez pretende centralizar a educación ao aumentar a porcentaxe dos contidos comúns que deben impartirse en todo o Estado así como ao relegar ao galego a un segundo plano e financiar a centros privados que promovan a ensinanza en castelán.

Esta lei tamén supón a verticalización da educación e a redución da democracia interna ao aumentar a autoridade da figura do director a vez que este pasa a ser elixido pola administración.

Por se isto non fora suficiente, introdúcese no relativo aos obxectivos da educación privada o “desenvolvemento do espírito emprendedor” poñendo ao empresariado e ao capital como modelo e obxectivo a seguir. Ademais, a lei garante que os centros nos que se segrega ao alumnado por sexos poidan ser concertados, favorecendo deste xeito o sexismo.

Este modelo de educación que se quere impoñer tamén ten plans para a universidade. A redución das bolsas e axudas así como á suba das taxas só é o principio xa que a Estratexia Universidade 2015 pretende mercantilizar en maior medida a universidade ao, entre outras medidas, deixar que as empresas financien ata o 65% do orzamento universitario, poñendo á universidade ao servizo do capital no canto do servizo social.

Por estas razóns, animamos a todo o sector educativo a que o 24 de outubro secunde a folga para demostrar así o noso rexeitamento ao seu modelo de educación. Porque unha folga na educación é coma un pulso, e só o gañaremos se loitamos todas xuntas.

Así mesmo, dende o Colectivo Estudantil Libertario chamamos ao estudantado a que se organice e loite por unha educación pública, en galego, científica, antidogmática, gratuíta e popular xestionada por docentes e estudantes no socialismo libertario.


Non á LOMCE, non ao sistema!

Pola autoxestión!

Ningún comentario:

Publicar un comentario